Hai uns días pedíavos a todos/as que votárades no concurso Mayores con iniciativa e apoiárades co voso voto as iniciativas que levamos a cabo no CDSI de Sada. Mayores con iniciativa é un proxecto liderado pola Fundación para el Desarrollo Infotecnológico de Empresas y Sociedad (Fundetec) e enmarcado no subprograma Avanza Ciudadanía Digital que nace co obxectivo de achegar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ás persoas maiores e lograr que cheguen a desempeñar un papel activo na Sociedade da Información.

En Mayores con iniciativa levan a cabo un concurso a nivel nacional no que participan diversas entidades de todo o territorio español. Ditas iniciativas están dirixidas a persoas maiores e son de moi diversas temáticas, están orientadas a fomentar o uso de internet e as novas tecnoloxías e involucralos nas actividades. Na súa web hai máis informaicón. Desde Sada participamos con dúas: Exprésate a través de tu blog e Memoria dos oficios. En Exprésate a través de tu blog sodes partícipes todos/as os/as que algunha vez publicastedes algo neste blog ou participastedes en algún dos obradoiros de creación e mantemento dun blog persoal. En Memoria dos oficios participástedes sete que fostes os protagonistas do video no que recordastedes un oficio tradicional contado por vós mesmos desde os recordos que gardades.

Pois agora pódovos comunicar que as dúas iniciativas coas que participamos foron elexidas por un xurado como candidatas a ser finalistas galegas do concurso e o vindeiro martes, 16 de febreiro elixiranse as tres que pasan á final nacional. A dito acto están convidados/as todos/as os/as participantes en calquera das dúas iniciativas. Aquí podedes ver todas as iniciativas que participan no concurso.

Espero que teñamos moita sorte e que consigamos pasar á final nacional. En calquera caso, xa é un orgullo ser elexidos como candidatos a pasar á final nacional dos premios. Moitas graicas a todos/as!